Ordes saca a licitación a mellora de pavimentos e canalizacións en varias vías municipais

ACoruñaXa
O investimento previsto supera os 467.000 euros e as empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 22 de decembro de 2025
ORDES tuberias
27 Nov 2025

O Concello de Ordes vén de poñer en marcha o procedemento de licitación para executar obras de mellora en varias pistas e vías municipais, centradas fundamentalmente na renovación do firme e na actualización das redes de abastecemento e pluviais. O investimento total previsto ascende a 467.370,52 euros (IVE incluído) e está financiado con cargo ao POS+2025, programa aprobado no pleno municipal do pasado 30 de xaneiro.

As empresas interesadas disporán ata o 22 de decembro de 2025 para presentar as súas ofertas. O contrato inclúe a reparación do pavimento mediante mestura bituminosa e aglomerado en quente, o arranxo de fochas con grava e tratamento asfáltico semiprofundo, así como a renovación das canalizacións de abastecemento con tubaxe de polietileno e a instalación da valvulería precisa. No caso das augas pluviais empregarase tubaxe corrugada.

Entre as actuacións máis destacadas figura a mellora da pista que vai do Pazo a Castenda, cun orzamento de 182.286,82 euros, que inclúe a execución de cinco cunetas tendidas con grixo e formigón. Na pista que discorre da Igrexa Pazo ao lugar do Mouro, cun investimento de 35.893,65 euros, prevese a colocación de bordo de granito e a execución dun sobreancho con grixo e formigón desactivado en determinados puntos.

Os traballos na pista do Castro e no interior da Aldea contan cun orzamento de 50.227,82 euros, mentres que a intervención na Agrela acada os 10.355,31 euros e a mellora do acceso ao Piñón ascende a 29.118,51 euros. A estas cantidades haberá que engadirlles o IVE, o beneficio industrial e os gastos xerais, así como os custos de xestión de residuos e de seguridade e saúde.

O proxecto complétase coa limpeza de gabias e salvagabias para garantir unha drenaxe axeitada, a renovación da sinalización horizontal mediante o pintado de liñas de bordo e símbolos, e a colocación de nova sinalización vertical nos puntos nos que resulte necesario, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria en todos os treitos incluídos na licitación.

⚙ Configurar cookies
0.071385145187378