Ordes rende homenaxe aos maiores cunha xuntanza que reunirá 800 participantes

O Concello de Ordes celebrará este sábado, 6 de setembro, a tradicional xuntanza de maiores, unha das citas máis multitudinarias do calendario local. Nesta edición participarán preto de 800 veciños e veciñas veteranas, que gozarán dunha xornada de convivencia, recoñecemento e celebración pensada especialmente para eles.
A programación arrincará ás 13.00 horas cunha misa solemne no anexo cuberto do CEIP Castelao, con acceso pola rúa Nicolás del Río, que servirá como primeiro momento de encontro comunitario. Despois, ás 14.30 horas, terá lugar o esperado xantar popular no pavillón Castelao II, onde se servirá un menú tradicional galego: empanada de entrante, polbo á feira, xarrete asado con patacas e gornición con selo de calidade, ademais de sobremesas variadas como larpeira, xeado, torta e queixo con marmelo. O menú completarase con viños branco e tinto con denominación de orixe, así como auga, refrescos, café, infusións e licores da terra. Para as persoas con intolerancias ou alerxias tamén haberá opcións adaptadas.
O evento contará coa asistencia de María Blanco Aller, directora territorial de Política Social e Igualdade, quen acompañará ao alcalde José Luis Martínez Sanjurjo e a membros da corporación municipal nesta homenaxe colectiva. A xuntanza estará tamén amenizada con música en directo, tanto durante a hora do vermú como na sobremesa, para favorecer o baile, a festa e o espírito de convivencia que caracteriza esta celebración.