Ordes recuperará o paseo fluvial do río Mercurín cun proxecto de renaturalización

ACoruñaXa
O Concello de Ordes acometerá unha intervención ambiental no paseo fluvial do río Mercurín, tamén coñecido como Rego da Fraga, que atravesa o centro urbano de norte a sur.
ORDES rio mercurin
8 Aug 2025

O Concello de Ordes acometerá unha intervención ambiental no paseo fluvial do río Mercurín, tamén coñecido como Rego da Fraga, que atravesa o centro urbano de norte a sur. A actuación ten como finalidade mellorar e naturalizar esta infraestrutura verde, e conta cun investimento total de 73.511,80 euros, IVE incluído.

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría Traba, visitou recentemente a zona para coñecer de primeira man o estado actual do espazo, que presenta pavimentos deteriorados e pouco integrados no seu entorno natural. O ámbito de actuación sitúase nas traseiras da rúa Víctor González Faya, onde se realizarán os traballos de recuperación.

O proxecto contempla a instalación dun novo pavimento de terrazo estabilizado de 2,5 metros de ancho, delimitado con bordos de formigón. Así mesmo, substituiranse especies vexetais alóctonas por flora autóctona, recuperarase a vexetación mediante o uso de terra con sementeira e colocarase mobiliario urbano: cinco bancos de pedra granítica e unha pérgola de madeira xunto á residencia de maiores.

Esta actuación busca poñer en valor un espazo natural no corazón do municipio, promovendo a sustentabilidade e creando un entorno máis accesible e agradable para a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.50055718421936