Ordes quenta motores para a San Silvestre 2025, unha carreira festiva de 3,9 quilómetros

Ordes xa conta as horas para despedir o ano correndo (ou andando) coa San Silvestre, unha proba popular e non competitiva que se celebrará o 31 de decembro. A organización mantén o trazado de 3,9 quilómetros e a saída está fixada para as 12.00 horas na rúa Entreparques, na contorna da Casa do Concello, onde tamén se situará a meta.
As persoas participantes poderán recoller os dorsais na carpa da Alameda desde as 10.00 horas e ata 30 minutos antes do comezo, co obxectivo de axilizar o acceso e evitar esperas de última hora.
A San Silvestre de Ordes volverá ter, ademais, un marcado compoñente solidario: habilitarase unha recollida de alimentos non perecedoiros que se destinarán a Cáritas. A proposta combina así deporte e festa cun xesto de apoio a quen máis o precisa na recta final do ano.