Ordes programa unha axenda cultural en agosto con teatro, circo e actividades para toda a familia

Ordes prepara unha intensa programación cultural para a primeira quincena de agosto baixo o título “Unha viaxe pola cultura”, que achegará á vila unha diversidade de espectáculos para todos os públicos, entre os que destacan teatro, circo, música, folclore, actividades infantís e moito máis.
A actividade arrancará o sábado 2 de agosto coa tradicional Xuntanza de bandas, na que a Banda de Música de Ordes compartirá escenario coa Banda da Escola de Música de Rianxo, nunha cita que servirá tamén para lembrar a figura de Manuel Ríos Rodríguez ‘Buxán’, recentemente falecido e integrante da formación ordense. A actuación terá lugar na alameda a partir das 20.00 horas.
Unha das propostas máis orixinais será o concerto de “A banda dos insectos” o luns 4, tamén na alameda ás 20.00 horas. Este proxecto combina deporte, educación e música, transmitindo valores a través da linguaxe do baloncesto á rapazada.
O martes 5 de agosto o Parque Cidade de Veracruz-México acollerá ás 20.00 horas o espectáculo “Circo Cambuche” do funambulista Henriko, que presentará a historia da súa familia circense nunha actuación chea de talento e emoción.
O teatro estará presente o mércores 6 coa obra “Ándale, bon Appétit” da compañía Ghazafelhos, que ofrecerá un percorrido pola cultura mexicana a través de receitas típicas e personaxes históricos como Frida Kahlo ou Pancho Villa.
A xornada do xoves 7 traerá ao actor Dani Blanco e o seu espectáculo “Rogelio III. La fête” á praza Cidade de Veracruz-México. A partir das 20.00 horas, esta mestura de circo, clown, corda frouxa, malabares e música promete unha noite chea de risas e diversión, coincidindo co aniversario do personaxe Rogelio.
Un dos momentos máis esperados será o venres 8 co “Día do neno/a” no Campo da Feira, que comezará ás 16.30 horas con inchables, obradoiros creativos, xogos, música e animacións para a rapazada.
O sábado 9 terá lugar o tradicional Encontro folclórico no parque da Constitución, con actuacións das agrupacións Sementes da Arte, Camiño Real de Poulo, Veciños de Leira Gaiteiros e as pandeireteiras de Ardevento, que actuarán desde as 20.00 horas.
A programación continúa o luns 11 coa obra “El último que apague la luz” da compañía A vela circo, un espectáculo de clown, equilibrios e humor sobre a celebración dun casamento entre dous pallasos, na praza Cidade de Veracruz-México.
Para pechar esta primeira quincena, o martes 12 ás 17.00 horas, no parque da Constitución celebrarase “Os xogos do paporrubio”, unha proposta de teatro e música participativa que dará a coñecer a un dos paxaros máis característicos da fauna galega.
O Concello de Ordes organiza este programa co apoio da Deputación da Coruña, consolidando así unha oferta cultural variada e accesible para toda a cidadanía.