Ordes, primeiro concello da provincia en dispoñer dun Punto de Actualización do DNI Electrónico

O Concello de Ordes traslada que vén de marcar un fito na modernización administrativa ao converterse no primeiro municipio da provincia, sen dependencias policiais, en dispoñer dun "Punto de Actualización do DNI Electrónico (PAD)". Este novo servizo permitirá xestionar o DNI electrónico sen necesidade de desprazarse ata unha comandancia da Policía Nacional, facilitando as xestións para a cidadanía.
O dispositivo atópase situado na entrada da Casa Consistorial, o que permitirá un acceso rápido e sinxelo para os veciños e veciñas de Ordes e arredores.
A inauguración deste servizo pioneiro contou coa presenza do xefe provincial da Policía Nacional na Coruña, Carlos Gómez Rodríguez, e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas López. Ambos foron recibidos polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e polos concelleiros José Antonio Cabeza e Susana García.
Este servizo representa un grande avance para a comodidade da veciñanza, pois reforza o compromiso do Concello coa modernización e coa proximidade ás necesidades dos seus habitantes. A implantación do PAD contribuirá a unha mellor xestión dos trámites administrativos e á facilitación do acceso á administración electrónica.