Ordes presenta un completo programa de Nadal con teatro, monicreques, maxia, música, festas e deporte

ACoruñaXa
As actividades desenvolveranse do 22 de decembro ao 5 de xaneiro e culminarán cunha gran cabalgata dos Reis Magos e o 31 haberá festa de fin de ano e badaladas infantís na alameda
ORDES luces nadal
19 Dec 2025

O Concello de Ordes deu a coñecer a súa programación de Nadal, unha proposta ampla e variada pensada para vivir estas datas en familia. O calendario arrancará o vindeiro 22 de decembro cunha gran festa infantil no pavillón Campomaior, a partir das 17.00 horas, con inchables, lambetadas, música, xogos e animación.

A maior parte dos espectáculos terán como escenario o auditorio María del Carmen Regueira Amor, na Casa da Cultura. Así, o día 23 ás 18.00 horas representarase 'O Apalpador e as palabras perdidas', de A Xanela do Maxín, un espectáculo que combina hologramas, monicreques e teatro para poñer en valor os xogos tradicionais e a riqueza da lingua. Papá Noel tamén será protagonista e, como é habitual, percorrerá as rúas da vila o mércores día 24.

Fran Rei, un dos artistas máis coñecidos polo público ordense, regresará o venres 26 ás 18.00 horas coa proposta 'Superheroe', unha comedia chea de maxia na que un peculiar personaxe deberá salvar o mundo mentres tenta conciliar a súa vida familiar. O sábado 27 ás 20.00 horas será a quenda do tradicional Concerto de Nadal da Banda de Música de Ordes.

O día 29 ás 18.00 horas chegará o espectáculo de monicreques 'O poder de Amabel', de Pérez & Fernández, que relata a historia dunha rapaza que busca o seu superpoder acompañada do seu amigo Braulio. A maxia volverá ser protagonista o martes 30 desde as 18.00 horas coa actuación de Joshua Kenneth.

O deporte terá un papel destacado o 31 de decembro coa celebración dunha nova edición da carreira de San Silvestre, con saída ás 12.00 horas desde a rúa Entre Parques.

Xa no novo ano, o 2 de xaneiro ás 18.00 horas, Teatro Ghazafellos porá en escena 'Iriña Bailarina', unha obra infantil que reflexiona sobre a igualdade de xénero e o cambio de roles a través de diferentes personaxes.

O programa pecharase o 5 de xaneiro coa gran cabalgata dos Reis Magos, Melchor, Gaspar e Baltasar, que percorrerá as principais rúas de Ordes enchendo a vila de cor, música, ilusión e agasallos.

Para levar a cabo esta programación, o Concello de Ordes contou coa colaboración de AECOR Ordes, a Deputación da Coruña, o Instituto para la Transición Justa, Ciudad de la Energía e Dinamizart.

O 31 de decembro, entre as 13.00 e as 19.00 horas, a alameda de Ordes acollerá unha gran celebración de fin de ano con música e festa grazas ás actuacións de Los Alcántara e Disco CDC, con DJ Rafa Astray como convidado especial. Ás 17.00 horas terán lugar as badaladas infantís para a rapazada e, ademais, haberá callos para todas as persoas asistentes.

O último brindis do ano está organizado pola Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes en colaboración co Concello.

⚙ Configurar cookies
0.078521013259888