Ordes prepárase para vivir a primeira edición do Ordes Music Fest

ACoruñaXa
A programación promete unha fin de semana chea de diversión e actividades para todos os públicos
Imaxe da Casa do Concello de Ordes
6 Jun 2025

A mocidade de Ordes conta os días para unha das citas máis esperadas do ano: o Ordes Music Fest, que este sábado, 7 de xuño, converterá o Campo da Feira nun auténtico epicentro musical e festivo. A partir das 22.00 horas, máis de media ducia de disc-jóckeys animarán a noite con sesións que abranguen dende a electrónica ao indie, pasando polo pop, rock, urbano, remember e música española. O acceso será totalmente gratuíto.

O cartel da primeira edición non deixa lugar á indiferencia e reúne a nomes coñecidos no panorama musical galego como DJ Goro, Kike Varela, Sote, Víctor Rivas, Toni Seijas, Rafa Stray, Adri Torres e Adrián Gold, encargados de manter o ritmo durante aproximadamente seis horas de festa ininterrompida.

A proposta está impulsada polo Concello de Ordes, coa colaboración da Xunta de Galicia, Abanca, Carné Xove e AECOR, e pensa tamén no público máis novo, que contará co seu propio espazo na tarde do sábado.

Ordes Music Fest Júnior: a festa tamén é para os máis pequenos

A rapazada terá o seu momento de protagonismo co Ordes Music Fest Júnior, que se celebrará entre as 18.00 e as 21.30 horas no mesmo Campo da Feira. A xornada contará con música, animacións, inchables e incluso un touro mecánico, todo de balde. A actividade forma parte dunha programación máis ampla que se estenderá durante toda a fin de semana, cun circuito de coches eléctricos dispoñible xa dende o venres, grazas á colaboración coa Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes.

Como colofón ás actividades previas á noite, AECOR celebrará ás 20.00 horas o sorteo do seu bingo musical, poñendo fin á campaña comercial que decorreu durante a semana. O premio principal será un bono de 1.000 euros para gastar nos establecementos adheridos, mentres que os cinco primeiros en cantar liña recibirán un lote de produtos valorado en aproximadamente 120 euros.

A programación promete unha fin de semana chea de diversión, música e participación veciñal, coa vista posta en consolidar o Ordes Music Fest como unha nova referencia no calendario cultural da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.45940780639648