Ordes prepárase para unha nova edición do DesOrdes Creativas con muralistas e música en directo

ACoruñaXa
O colectivo Creativo Mutante, organizador, anuncia que haberá artistas de renome no mundo do muralismo urbano
desordes-25
22 Jul 2025

O festival urbano DesOrdes Creativas volve a encher de cor e creatividade a vila de Ordes entre os días 1 e 10 de agosto coa súa 18ª edición. O colectivo Creativo Mutante, responsable da organización do evento, vén de anunciar o cartel deste ano, que contará con artistas de renome no mundo do muralismo urbano.

Lidia Cao, Anna Taratiel, Iván Floro, Juan Rivas e Marta Lapeña serán os encargados de transformar muros e fachadas da localidade, contribuíndo a manter a Ordes como un destino imprescindible para amantes da arte urbana. Como é habitual, o festival incorpora tamén unha presenza internacional, que este ano virá da man do belga Kitsune.

O programa inclúe ademais unha masterclass, que nesta ocasión será impartida polo recoñecido artista Yoseba MP, así como as populares rutas guiadas polos principais murais espallados por Ordes. A feira de arte e obra gráfica terá lugar o 9 de agosto.

Ese mesmo día, o parque da Constitución converterase no epicentro musical da vila coa celebración do DesOrdes Sonoras. High Paw, Terrae, Dj Mil, Embruxo Gaiteiros e Møu Dj Session serán os encargados de poñer ritmo á noite nun escenario que vibrará ata ben entrada a madrugada.

O festival conta, como cada ano, co apoio do Concello de Ordes e da Deputación da Coruña, ademais da colaboración de Pinturas Proa e da empresa LoxamHune, especializada no alugamento de maquinaria.

⚙ Configurar cookies
0.22499299049377