Ordes organiza unha saída ao Titan Láser Tag en Teo para mozos e mozas de 8 a 16 anos o 30 de decembro

ACoruñaXa
A inscrición estará aberta ata o 22 de decembro e o prezo é de 10 euros por persoa, con prazas limitadas e preferencia para persoas empadroadas no municipio
TEO láser tag
17 Dec 2025

O Concello de Ordes vén de poñer en marcha unha nova proposta de lecer para a rapazada durante as vacacións de Nadal. Trátase dunha excursión ao Titan Láser Tag, no concello de Teo, prevista para o vindeiro 30 de decembro e dirixida a participantes de entre 8 e 16 anos.

A actividade desenvolverase nun recinto de 750 metros cadrados dedicado á simulación de combate con pistolas e armas láser, descritas pola organización como inofensivas e sen dor. O xogo funciona cun sistema formado por unha marcadora e unha diadema receptora con tecnoloxía infravermella, e combina estratexia, traballo en equipo, deporte, comunicación e toma de decisións.

As persoas interesadas poden anotarse ata o 22 de decembro directamente no Concello, cun custo de 10 euros por participante. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición, con preferencia para as persoas empadroadas en Ordes.

O desprazamento farase en autobús, con saída desde a rúa Entre Parques ás 9.00 horas e regreso ao mesmo punto ás 14.30 horas. Desde o Concello recomendan levar merenda.

⚙ Configurar cookies
0.077760934829712