Ordes organiza un completo programa de Nadal con actividades para toda a familia

ACoruñaXa
Festas infantís, teatro, maxia, concertos e a tradicional cabalgata de Reis encherán as rúas de Ordes durante as festas de Nadal
ORDES luces nadal
7 Dec 2025

O Concello de Ordes deu a coñecer o programa de Nadal que comezará o próximo 22 de decembro e se estenderá ata o 5 de xaneiro, rematando cunha gran cabalgata que percorrerá as principais rúas da vila.

A programación está pensada para desfrutala en familia e arrancará cunha gran festa infantil o 22 de decembro a partir das 17:00 horas no pavillón Campomaior, onde non faltarán inchables, música, xogos, animación e lambetadas.

A maior parte dos espectáculos terán lugar no auditorio María del Carmen Regueira Amor, na Casa da Cultura. O día 23, ás 18:00 horas, poderase gozar do espectáculo 'O Apalpador e as palabras perdidas', a cargo de A Xanela do Maxín, que combina hologramas, monicreques e teatro para contar unha historia na que os xogos tradicionais e as palabras esquecidas son protagonistas. Ademais, o 24 de decembro, Papá Noel percorrerá as rúas de Ordes, como é tradición.

O 26 de decembro, ás 18:00 horas, Fran Rei regresará a Ordes co seu espectáculo 'Superheroe', unha mestura de comedia e maxia que promete entreter a grandes e pequenos. O sábado 27, ás 20:00 horas, a Banda de Música de Ordes ofrecerá o seu agardado concerto de Nadal.

O día 29, ás 18:00 horas, representarase 'O poder de Amabel', un espectáculo de monicreques de Pérez & Fernández que narra as aventuras de Amabel na procura do seu superpoder, acompañada do seu amigo Braulio. O martes 30, ás 18:00 horas, o mago Joshua Kenneth encherá Ordes de maxia.

Para despedir o ano, o 31 de decembro terá lugar a tradicional carreira de San Silvestre, con saída ás 12:00 horas desde a rúa Entre Parques. Pola tarde, entre as 13:00 e as 19:00 horas, a Alameda de Ordes acollerá unha gran festa con actuacións musicais de Los Alcántara e Disco CDC, co DJ Rafa Astray como convidado especial. Os nenos e nenas poderán tomar as uvas ás 17:00 horas, nas “badaladas infantís”, e ofreceranse callos para todos os asistentes. Este evento está organizado pola Asociación Cultural e de Festexos da Vila de Ordes en colaboración co Concello.

O 2 de xaneiro, Teatro Ghazafellos presentará 'Iriña Bailarina', unha obra infantil que aborda temas como a igualdade de xénero e o cambio de roles a través de personaxes como piratas e futbolistas.

Finalmente, o 5 de xaneiro, SSMM os Reis Magos chegarán a Ordes nunha gran cabalgata que encherá as rúas de cor, música, ledicia e agasallos para todos.

O Concello de Ordes contou coa colaboración de AECOR Ordes, a Deputación da Coruña, o Instituto para a Transición Xusta, Cidade da Enerxía e Dinamizart para a realización desta completa programación de Nadal.

⚙ Configurar cookies
0.077878952026367