Ordes licita melloras de eficiencia térmica no polideportivo de Campomaior

O Concello de Ordes mantén aberto ata o vindeiro 31 de xullo o prazo de licitación dun proxecto para mellorar a eficiencia térmica do polideportivo municipal de Campomaior.
A actuación, cun orzamento base de 56.567,58 euros sen IVE (68.446,77 euros con IVE incluído), contempla unha serie de intervencións clave co obxectivo de reducir as perdas enerxéticas e mellorar o confort térmico da instalación.
En concreto, prevese a substitución das actuais fachadas de chapa simple por paneis tipo sándwich de aceiro, o revestimento completo do perímetro interior mediante trasdosado con pranchas de la de madeira, e a incorporación de arexadores na cumieira da cuberta para facilitar a ventilación.
Esta intervención enmárcase dentro da estratexia municipal para modernizar e facer máis sostibles as infraestruturas deportivas locais. Trátase dunha actuación financiada cunha achega de 60.000 euros procedente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ao abeiro do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado aos concellos de Galicia con menos de 15.000 habitantes.