Ordes impulsa unha nova senda peonil en Pontechonia na estrada DP-5903

ACoruñaXa
As empresas interesadas en executar a obra poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de maio
licitacion-ordes
30 Apr 2025

O Concello de Ordes continúa avanzando na mellora da mobilidade sostible e segura coa próxima construción dunha senda peonil na marxe esquerda da estrada DP-5903, entre Ordes e Portomouro, pasando por Pontechonia. As empresas interesadas en executar a obra poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de maio.

O proxecto, cun orzamento total de 1.402.340,32 euros financiado integramente con fondos do Instituto para a Transición Xusta (ITJ), prevé a creación dun itinerario de 2.800 metros de lonxitude, parte do cal irá en pasarela sobre o regato de Cestaños. A actuación abrangue os puntos quilométricos 1+635 ao 4+435 da vía, titularidade da Deputación da Coruña, que cedeu a súa adscrición demanial ao Concello por un prazo de dez anos.

A nova senda contará cun ancho útil de 1,80 metros e beiravía de 50 cm. Para garantir a accesibilidade, instalarase pavimento podotáctil nas interseccións co tráfico rodado. Ademais, empregarase unha estrutura de formigón puído sobre capas de solo seleccionado e grixo, incluíndo bordos de protección ao longo de todo o trazado.

Entre outras melloras, a obra contempla unha completa rede de drenaxe, a extensión da rede de abastecemento público e máis de 2.000 metros de tubaxe para iluminación. Para salvar as diferenzas de nivel construiránse muros de pedra granítica e instalaranse varandas de aceiro para a seguridade de peóns e ciclistas.

O proxecto tamén aposta pola integración ambiental e a promoción da mobilidade alternativa. Ao longo da senda plantaranse dez árbores, instalaranse bancos, aparcadoiros para bicicletas e puntos de recarga eléctrica para motos, bicicletas e patinetes.

Con esta actuación, o Concello de Ordes reafirma o seu compromiso coa seguridade viaria, a accesibilidade e a mobilidade sostible, ao tempo que aposta por transformar espazos públicos en contornas máis amables e funcionais para a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.15793299674988