Ordes impulsa un gran espazo deportivo e natural con pavillón multiusos na contorna do Piñeiro

ACoruñaXa
O obxectivo é crear un gran espazo natural destinado ao deporte, á saúde e ao lecer
ordes-multi
11 Apr 2025

O Concello de Ordes deu a coñecer as primeiras infografías e planos do seu novo Plan Director de Dotacións, unha ambiciosa proposta urbanística integrada no PXOM que busca transformar máis de 33.000 metros cadrados na contorna do barrio do Piñeiro, nas proximidades das antigas naves de Viriato. O obxectivo é crear un gran espazo natural destinado ao deporte, á saúde e ao lecer, coa intención de converter esta zona nun referente para Ordes e o seu contorno durante o período 2026-2030.

Este proxecto contempla unha intervención integral que prioriza o benestar físico e mental da veciñanza, promovendo un uso igualitario, accesible, atractivo, versátil e ambientalmente sostible do espazo público.

Entre os elementos máis destacados inclúese a construción dun pavillón multiúsos con capacidade para máis de 2.000 persoas, así como a dotación de pistas cubertas de tenis e pádel, pista multideporte, parque infantil, zona de calistenia, muro de escalada, skatepark, áreas biosaludables, auditorio exterior en forma de anfiteatro, estanques e pérgolas cubertas, un circuíto de running e aseos públicos.

Con esta proposta, Ordes dá un paso decidido cara a un modelo de vila máis saudable, sostible e centrada nas persoas.

⚙ Configurar cookies
0.15840101242065