Ordes impulsa melloras urbanas e rurais coa licitación de tres actuacións

O Concello de Ordes vén de anunciar a licitación de tres actuacións clave que abranguen tanto o casco urbano como zonas do rural, cun investimento global que supera os 350.000 euros. As intervencións céntranse na mellora de camiños, a recuperación dun espazo verde e a transformación dun inmoble para uso social.
A primeira das obras en proxecto encádrase no Plan Camiña Rural 2025-2026 e afecta ao desvío ao Castro ata o límite co concello de Mesía, na parroquia de Vilamaior. O tramo, de 1.070 metros de lonxitude e 6,75 de ancho, contará cunha actuación integral de mellora do firme. O orzamento base ascende a 104.097,51 euros (IVE incluído). As tarefas inclúen a limpeza de gabias, reparación de fochancas, perfilado das beiras con pedra, aplicación de aglomerado, sinalización horizontal e a colocación dun sinal de stop, ademais do recrecido de 15 pozos de rexistro.
Esta intervención busca “conservar e mellorar as infraestruturas rurais, especialmente os camiños, para facilitar así a accesibilidade e vertebración do territorio, así como aumentar a competitividade agraria e forestal destas zonas”.
En paralelo, con cargo a un orzamento de 73.511,80 euros, o goberno local acometerá a recuperación do sendeiro do Rego da Fraga ou Rego Mercurín, un espazo natural que cruza de norte a sur o núcleo urbano de Ordes. A actuación inclúe a substitución do actual pavimento por outro de terrazo estabilizado, cun ancho de 2,5 metros, e a delimitación do percorrido cun bordo de formigón. Tamén se levará a cabo a eliminación de especies vexetais non autóctonas, a extensión de terra vexetal e a plantación de novo sementeiro. Instalaranse, ademais, cinco bancos de pedra granítica e unha pérgola de madeira na traseira da residencia de maiores.
A terceira das iniciativas contempla a transformación do local social do Mesón do Vento nunha vivenda de carácter social. Cun investimento de 176.783,26 euros (IVE incluído), a actuación responde á “necesidade de vivendas para casos de exclusión social ou baixos recursos”.
O edificio, con sete décadas de antigüidade e 156 m² construídos, será reformado integramente: retiraranse as tabiques, instalacións, azulexos e pavimentos, e procederase á instalación dun sistema de illamento térmico exterior. No interior colocaranse pavimentos laminados con base de poliestireno, renovaranse todas as instalacións básicas e instalarase unha hidroestufa de pellets para a climatización. A vivenda será entregada equipada con mobiliario de cociña e pezas sanitarias.
Este último proxecto está incluído na Orde TED/1476/2021, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dirixido a municipios afectados pola transición enerxética e orientado á rehabilitación de inmobles para usos sociais ou públicos.
Con estas actuacións, Ordes avanza na mellora da calidade de vida da veciñanza e na modernización das súas infraestruturas urbanas e rurais, combinando cohesión social, sostibilidade e recuperación do patrimonio natural.