Ordes dotará a rede municipal de contadores con telemetría para recortar as perdas de auga

ACoruñaXa
O Concello licita por case 55.000 euros a colocación de seis equipos con telecontrol, con financiamento de Augas de Galicia e fondos NextGeneration EU
ARTEIXO inversion en auga
29 Oct 2025

O Concello puxo en marcha a licitación para modernizar e dixitalizar a rede de abastecemento municipal mediante a instalación de seis contadores mecánicos de caudal con sistemas de telecontrol e telemetría. O obxectivo é detectar fugas e diminuír as perdas de auga, optimizando así os recursos dispoñibles.

O contrato sae a concurso por 54.450 euros IVE incluído e as ofertas poden presentarse ata o 19 de novembro. O proxecto prevé a colocación dos equipos en arquetas de formigón armado con tapas de fundición: un contador para DN 65 mm e cinco para DN 80 mm. Os dispositivos incorporarán emisor de impulsos para telexestión e telelectura, así como tecnoloxía GSM/GPRS para o seguimento do caudal e da presión en tempo real.

A actuación inscríbese no plan 2023-2026 para reducir perdas no sistema de abastecemento. Segundo o Concello, a rede de auga potable de Ordes, que se estende por case 130 km, carece na actualidade de equipos específicos para a detección temperá de fugas.

Para financiar o investimento, o municipio dispón dunha subvención de 45.000 euros concedida por Augas de Galicia, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, cofinanciado pola Unión Europea–NextGeneration EU.

⚙ Configurar cookies
0.078839063644409