Ordes despedirá o ano coa VII San Silvestre o 31 de decembro

O Concello de Ordes organiza a VII edición da San Silvestre, unha carreira non competitiva aberta a toda a cidadanía, que se celebrará o martes 31 de decembro de 2024. O evento arrancará ás 12:00 horas, coa saída e chegada situadas na rúa Entreparques, detrás da Casa Consistorial.
Con preto de 3,9 quilómetros de percorrido, a proba convida a participantes de todas as idades e condicións físicas a despedir o ano con bo humor e espírito festivo, xa sexa correndo ou andando. Ademais, o Concello anima aos asistentes a acudir disfrazados ou con motivos de Nadal para contaxiar o ambiente festivo.
Inscricións gratuítas e recollida de dorsais
As inscricións poderán realizarse de forma gratuíta a través da páxina web, estando abertas ata o domingo 29 de decembro ás 23:59 horas. Non se aceptarán inscricións fóra do prazo establecido. Os dorsais poderanse recoller na secretaría da competición, situada ao carón do Concello, ata media hora antes do inicio da carreira.
Ao finalizar a proba, todos os participantes recibirán roscón de Reis e chocolate quente, como recompensa ao esforzo e para poñer o broche doce á xornada.
A carreira forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e conta con seguros obrigatorios de accidentes e responsabilidade civil. Para máis información, os interesados poden contactar co teléfono 981 680 002 (ext. 5) ou consultar as páxinas web www.ordes.gal e www.carreirasgalegas.com.
O Concello de Ordes convida a veciños e visitantes a sumarse a esta cita deportiva e festiva, ideal para despedir o ano en compañía de familiares e amigos, gozando do deporte e do ambiente de Nadal.