Ordes convértese no epicentro do hóckey sobre patíns co Sector Norte Júnior

GaliciaXa | ACoruñaXa
O municipio acolle a fase previa do Campionato de España e reúne aos oito mellores equipos xuvenís de Galicia e Asturias
sector-norte-ordes
30 Apr 2025

O Pavillón Castelao I acollerá os vindeiros días 2, 3 e 4 de maio o Sector Norte Júnior 24/25, a fase previa do Campionato de España de hóckey sobre patíns. O evento reunirá en Ordes aos oito mellores equipos xuvenís de Galicia e Asturias, que competirán por dous pases directos á fase final estatal.

O anfitrión da competición será o A.C. Ordes, que xogará na casa co apoio da súa afección. O torneo promete emoción e intensidade, con clubs de primeiro nivel como o Deportivo Liceo, o C.A.A. Dominicos, o Oviedo Roller HC, o CP Mieres, o CD Patinalón, o Telecable HC e o Cía María Azul.

Desde a organización destacan a oportunidade que supón este torneo para promocionar o hóckey sobre patíns na comarca e animan a veciñanza a encher as bancadas: “A entrada é libre e queremos que Ordes vibre co deporte e co noso equipo”, sinalan dende o A.C. Ordes.

O Sector Norte Júnior non só será unha cita deportiva de alto nivel, senón tamén un punto de encontro para amantes do hóckey, familias e afeccionados que poderán gozar dun espectáculo único sen saír da vila.

 

⚙ Configurar cookies
0.10637998580933