Ordes celebra o Día do Deporte con exhibicións, xogos e sorteos

ACoruñaXa
O Campo da Feira converterase o venres 12 de setembro nun espazo para descubrir e practicar máis dunha ducia de disciplinas
ORDES dia do deporte 2025
12 Sep 2025

O Concello de Ordes xa ten todo preparado para a celebración do Día do Deporte, que terá lugar o venres 12 de setembro no Campo da Feira, en horario de 17.00 a 20.30 horas (nos pavillóns Castelao I e II no caso de chuvia). Trátase dunha xornada pensada para achegar á veciñanza, e especialmente á mocidade, a práctica das diferentes modalidades deportivas con presenza no municipio.

Cada club ou entidade participante contará cun posto propio no que se poderá recibir información e probar directamente a disciplina que representa. Este ano participarán o Jogafán F.S. (fútbol sala), Galia (patinaxe), Fight Club (kickboxing), Boudsport (taekwondo), escolas e clubs de tenis, Atlética A Silva-Ordes (atletismo), Club Natación Ordes (natación), Club Ciclista SEO (ciclismo), Club Deportivo K2 (actividades ao aire libre), Adarve (tiro con arco), A.C. Ordes e Hockey Patín Zendal (hóckey), Ordes Billar Club (billar) e Club Xadrez Ordes (xadrez).

Ademais da posibilidade de coñecer de preto estas modalidades e practicar algunhas delas, a organización ofrecerá a posibilidade de participar en sorteos gratuítos de material deportivo. Para iso, os asistentes recibirán un boleto que deberán selar en cada posto visitado. Unha vez completado, entrarán no sorteo grazas á colaboración de As Puntadas, Alpi e Sportec.

⚙ Configurar cookies
0.18138885498047