Ordes aposta pola educación dixital este verán cun campamento gratuíto para a mocidade

Este verán a xuventude de Ordes ten unha cita coa tecnoloxía. O Concello, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, organiza uns campamentos dixitais gratuítos dirixidos a mozos e mozas de entre 9 e 17 anos, que se desenvolverán dende finais de xuño ata finais de xullo na aula de informática da Casa da Cultura.
A iniciativa, que forma parte do Programa de Competencias Dixitais para a Infancia (CODI), impulsado polo Ministerio de Xuventude e Infancia e financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, ten como obxectivo formar en habilidades dixitais de maneira lúdica e participativa.
As sesións, de carácter presencial, celebraranse de luns a venres en horario de 10 a 13 horas, e estarán divididas por tramos de idade para adaptar os contidos ás necesidades de cada grupo. A inscrición abrirá mañá no departamento de Cultura do Concello de Ordes.
Formación a medida: tres grupos con contidos adaptados
- Dos 9 aos 13 anos (30 de xuño - 11 de xullo): o foco estará en buscar información de valor en Internet, crear contido dixital, aprender a protexer datos persoais e verificar a información para evitar noticias falsas.
- De 12 a 13 anos: traballarán sobre o uso responsable do tempo en pantallas, privacidade e comportamento en redes sociais, ademais de previr situacións de ciberacoso.
- De 14 a 17 anos: abordarase o benestar dixital, a desconexión saudable, o uso de ferramentas dixitais para a procura de emprego, e a xestión da identidade e reputación dixital.
Todos os grupos participarán en retos, misións e probas de aventuras, un enfoque pedagóxico que facilita a aprendizaxe de xeito entretido, fomentando o uso seguro, útil e creativo das ferramentas dixitais.