Ordes analiza o papel da xenética no pastoreo nunha xornada dirixida ao sector agrogandeiro

ACoruñaXa
Unha vintena de persoas participou nun encontro formativo con Antonio Tucci, biólogo ambiental e gandeiro, que incluíu sesión teórica e visita a unha explotación en Beán
ORDES charla pastoreo
14 Nov 2025

Unha vintena de gandeiras e gandeiros participou este venres en Ordes nunha xornada gratuíta centrada na xenética aplicada ao pastoreo. Ao longo da mañá, o biólogo ambiental, asesor e gandeiro Antonio Tucci compartiu coas persoas asistentes diferentes claves para optimizar os pastos e mellorar o rendemento das explotacións.

Durante a sesión explicou procedementos e técnicas xenéticas que permiten incrementar a calidade da carne e do leite, así como estratexias para seleccionar os animais máis axeitados segundo as características de cada finca e sistema produtivo. O encontro serviu tamén para intercambiar experiencias e resolver dúbidas prácticas sobre o manexo do gando en pastoreo.

Xa pola tarde, despois dun xantar con petiscos, o grupo desprazouse ata unha explotación situada na parroquia de Beán, onde se realizou unha visita guiada para ver sobre o terreo a aplicación dalgunhas das cuestións abordadas na parte teórica.

A xornada 'Xenética do pastoreo' foi organizada polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e pola Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) en colaboración co Concello de Ordes. A iniciativa contou co financiamento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

⚙ Configurar cookies
0.07151985168457