Ordes acolle unha xornada sobre a castaña como cultivo de futuro

O Concello de Ordes será escenario este xoves 11 de decembro dunha nova xornada do ciclo Alternativas produtivas nos montes: produción de alimentos, centrada desta volta no cultivo e produción de castaña. A actividade terá lugar no salón de plenos municipal en horario de 11.00 a 14.00 horas e está aberta á participación de todas as persoas interesadas.
Baixo o título A castaña como cultivo de futuro, a sesión quere poñer en valor un produto que durante séculos foi básico na alimentación das casas galegas, presente en múltiples receitas e con numerosos usos, pero que nas últimas décadas perdeu peso e, en moitos lugares, pasou a ter unha presenza meramente anecdótica.
O programa inclúe unha primeira intervención sobre a recuperación dos montes para a produción de alimentos, a cargo de Diego Sánchez, da Asociación Frouma. A continuación tomarán a palabra José Queijas Pallas e José Antonio Liñares Candal, representantes da Asociación Galega da Castaña e dos Soutos, que afondarán nas posibilidades do castiñeiro como cultivo con futuro, tanto desde o punto de vista económico como ambiental.
A xornada está organizada por Frouma e conta co patrocinio da Deputación da Coruña, ademais da colaboración do Sindicato Labrego Galego, o Concello de Ordes e a Asociación Galega das Castañas e dos Soutos. A organización anima a veciñanza e ás persoas vinculadas ao sector agrario e forestal a achegarse para coñecer de primeira man as oportunidades que ofrece a recuperación dos soutos e do cultivo da castaña no territorio.