Ordes acolle unha nova sesión de 'Tardes de Contos e Lendas' con Raquel Queizás

A Biblioteca Municipal de Ordes volverá encherse de fantasía o vindeiro venres 28 de novembro coa celebración dunha nova entrega do ciclo 'Tardes de Contos e Lendas'. Nesta ocasión, a protagonista será a narradora Raquel Queizás, que presentará 'Raposadas', unha sesión de contos especialmente pensada para público infantil de entre 3 e 6 anos.
A actividade comezará ás 18.00 horas e contará cun aforo máximo de 30 crianzas, polo que é necesario realizar unha inscrición previa. As familias interesadas poden reservar praza directamente na biblioteca ou chamando ao teléfono 981 68 19 92.
O evento está organizado polo Concello de Ordes coa colaboración da Deputación da Coruña e busca fomentar a imaxinación e o gusto pola lectura entre os máis pequenos a través de historias cheas de animais, humor e tradición oral galega.