Ordes acolle o luns unha charla informativa sobre a dermatose nodular contaxiosa dirixida ao sector gandeiro

O auditorio Carmen Regueira da Casa da Cultura de Ordes acollerá o vindeiro luns 9 de marzo unha charla informativa sobre a dermatose nodular contaxiosa (DNC), unha iniciativa organizada pola Consellería do Medio Rural para informar ao sector gandeiro sobre esta enfermidade que afecta ao gando bovino.
A xornada comezará ás 10.30 horas e forma parte dun ciclo de encontros que se celebrarán nas catro provincias galegas co obxectivo de trasladar información ao sector sobre as características desta doenza e as medidas de bioseguridade que deben aplicarse para evitar a súa introdución en Galicia.
Durante a sesión explicaranse tamén as actuacións previstas pola normativa comunitaria no caso de detectarse a enfermidade, así como as condicións actuais para a vacinación. A Consellería pretende con estas charlas reforzar a información ao sector e fomentar as medidas preventivas para protexer a cabana bovina galega.
Nos encontros tamén se abordarán as restricións e medidas que permanecen vixentes en Galicia ata o 31 de marzo para minimizar riscos. Entre elas figura a posibilidade de celebrar feiras, certames, poxas ou mercados de gando con finalidade comercial, aínda que nestes eventos só poden participar animais procedentes de explotacións galegas.
Ademais, os vehículos que transporten gando desde fóra da comunidade deben acceder ás instalacións baleiros, limpos, desinfectados e desinsectados. Tamén se mantén o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para os bovinos que cheguen a explotacións galegas procedentes doutras zonas.
Desde a Consellería do Medio Rural lembran que actualmente non hai constancia de casos de dermatose nodular contaxiosa en Galicia e subliñan que esta enfermidade non se transmite ás persoas. Con todo, a administración autonómica considera clave reforzar a información e a prevención no sector para garantir a protección das explotacións gandeiras.