Ordes acolle a presentación oficial de Xuntos Rompendo Barreiras para impulsar a accesibilidade e a inclusión

ACoruñaXa
A nova entidade nace para mellorar os espazos públicos para persoas con diversidade funcional e colectivos vulnerables, arroupada por representantes da Deputación, FEGEREC, COGAMI e a Mancomunidade de Ordes
ORDES asociacion rompendo barreras
23 Sep 2025

A Casa da Cultura de Ordes acolleu a posta de longo da asociación Xuntos Rompendo Barreiras, un proxecto que bota a andar con vocación de mellorar a accesibilidade urbana e promover a igualdade real no uso dos espazos públicos. No acto interveu o escritor Ramón Vilar, quen puxo o foco nas barreiras que aínda afrontan as persoas con diversidade funcional, así como a xente maior e outros colectivos vulnerables, e chamou a sumar esforzos para deseñar contornas amables e seguras.

A presentación contou co respaldo institucional e asociativo: Mar García, deputada de Políticas Sociais da Deputación da Coruña; Susana García, concelleira de Política Social de Ordes e presidenta da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes; Carmen López, directora de FEGEREC; e Ramón Sestayoé, vicepresidente de COGAMI, expuxeron liñas de colaboración para avanzar en itinerarios accesibles, sensibilización e acompañamento ás familias. Tamén asistiron os alcaldes de Ordes e Frades, José Luis Martínez Sanjurjo e Roberto Rey, ademais de representantes de todos os concellos da Mancomunidade ordense.

A cita reuniu profesionais dos servizos sociais e representantes de entidades da contorna, incluídas as presidencias de FEGEREC e da Asociación de Persoas con Discapacidade e Apoio á Integración das comarcas de Arzúa e Terra de Melide, que subliñaron a importancia de artellar redes locais para eliminar obstáculos físicos e administrativos, e fixaron como prioridade a transformación progresiva dos espazos públicos nunha comarca máis inclusiva.

⚙ Configurar cookies
0.095664024353027