Ordes acolle a exposición fotográfica 'Capturando a Natureza' de Álvaro Lamas

ACoruñaXa
A mostra poderá visitarse no Museo do Traxe Juanjo Liñares desde o martes 13 de xaneiro e ata o 13 de febreiro, e este venres 16 haberá presentación e faladoiro ás 19.00 horas
ORDES capturando natureza
12 Jan 2026

O Museo do Traxe Juanjo Liñares, en Ordes, incorpora desde este martes 13 de xaneiro a exposición fotográfica 'Capturando a Natureza', un traballo do fotógrafo Álvaro Lamas que permanecerá aberta ao público ata o 13 de febreiro.

A mostra enmárcase no proxecto Lost in Woodlands Photography e propón unha viaxe visual por paisaxes e recunchos do norte peninsular: fervenzas e fragas de Ferrolterra, tramos da costa do Ortegal e da Mariña lucense, ademais de localizacións de Asturias, Cantabria ou Navarra. A proposta combina grandes escenarios naturais con detalles pequenos e delicados, buscando transmitir a emoción que xorde do contacto directo coa contorna.

O propio autor participará na programación co gallo da chegada da exposición a Ordes. Será este venres 16, ás 19.00 horas, cando está prevista a presentación oficial e un faladoiro co público no mesmo museo.

En canto ao horario de visitas, o museo abrirá de martes a sábado de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Os domingos e festivos, poderá visitarse en horario de mañá.

⚙ Configurar cookies
0.077719926834106