Ordes acenderá o alumeado de Nadal o 5 de decembro cun espectáculo de maxia no parque da Constitución

O Concello de Ordes activará o seu alumeado de Nadal o vindeiro 5 de decembro, unha data na que as rúas do municipio se vestirán de luz para anunciar o inicio da campaña festiva. Nesta edición, instalaranse preto de 300 elementos luminosos con tecnoloxía led e con distintas cromáticas, repartidos tanto polo centro urbano como polas parroquias, co obxectivo de crear unha atmosfera especial e dinamizar a vida social e comercial do municipio.
Ese mesmo día, a maxia converterase na protagonista grazas ao programa organizado por AECOR, que contará coa colaboración do Concello de Ordes e da Xunta de Galicia. A partir das 18.00 horas, o parque da Constitución acollerá as actuacións dalgúns dos magos máis recoñecidos do panorama actual: Yago Barral, Álex de las Heras, Sena e Apolo jr. Prométese unha tarde chea de trucos espectaculares, humor e sorpresas que farán as delicias de público de todas as idades.
Desde o goberno local salientan que se trata dunha cita pensada para reunir á veciñanza e dar a benvida ao Nadal combinando a tradición do acendido oficial cun evento lúdico pensado para toda a familia.