Ordes abre o prazo para a humanización da rúa Emilia Pardo Bazán

O Concello de Ordes iniciou os trámites para mellorar a rúa Emilia Pardo Bazán, situada no barrio do Paraíso. Ata o próximo 17 de setembro permanecerá aberto o prazo de licitación para as obras, cuxo presuposto base supera os 135.000 euros (111.917 € sen incluír o IVE). A intervención ten como obxectivo humanizar a zona, facendo máis accesible e agradable o espazo público para veciños e visitantes.
O proxecto contempla a demolición das beirarrúas e bordos existentes, así como a adecuación do área destinada a aparcadoiro. As novas beirarrúas serán de formigón vibrado, mentres que o pavimento do aparcadoiro estará realizado con formigón pulido e o carril de circulación con aglomerado quente, delimitando ambas superficies con baldosas de granito silvestre. Ademais, incluirase a canalización de augas pluviais mediante tubos de polipropileno corrugado e arquetas sumidoiro, a instalación de alumeado público, así como a sinalización horizontal e vertical.