Opinión: Troyanos de Compostela

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro
"Eran os viaxeiros, na súa maioría estudantes que ían procurar nas aulas compostelás a ciencia que había facer deles, co paso do tempo, tranquilos boticarios, grandes médicos ou pequenos rábulas… Todos dispoñíanse a continuar, á sombra dos sillares santiagueses, os días de troula do estío."
Así describe Alejandro Pérez Lugín na súa novela romántica La Casa de la Troya ‒Estudiantina‒ a vida dos mozos universitarios da Compostela de comezos do século XX, inmortalizando a coñecida pensión da Rúa da Troia, 5, hoxe convertida en museo e á que se vinculan os “Troyanos de Compostela”.
Trátase dun grupo musical centrado nos instrumentos de pulso e púa: tunas e rondallas que, coas súas guitarras, mandolinas, laúdes, bandurrias, coros, solistas, acordeóns e as “cintas das súas capas”, manteñen viva a tradición universitaria desde que en 2013 se reunificaron e debutaron no Teatro Principal de Santiago de Compostela ‒ou aquel “compóntelas como poidas”, segundo se lembraba‒ e gravaron o CD ¡Viva Galicia! con música daqueles tempos.
Este domingo 15 de febreiro, no Auditorio Municipal Cine Alovi das As Pontes, soará en directo a música dos Troyanos no marco da 45ª edición da Feira do Grelo, unha cita de referencia que celebra a historia local, o labor de quen mantén vivo o campo galego e a tradición da feira, do mercado e da artesanía.
O repertorio convidará o gran público a unha viaxe á Compostela de Lugín, con pezas históricas como Lela, Os teus ollos ou Unha noite na eira do trigo; outras inspiradas no grande cancioneiro popular, como Foliada do Rueiro ou A raíz do toxo verde ‒que é tan mala de arrincar‒, ademais de clásicos da tuna. Unha tarde de evocación, identidade e fonda raigame.
E os libros? Quizais algúns “empeñados no Monte de Piedade” ‒ma non tutti‒ e Fonseca, nin triste nin soa, grazas aos Troyanos de Compostela e á súa veteranía, que, como ben sabemos, é “un grao”… e máis.