Opinión: Toxos e froles

AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
Actualizada el 1 febrero 2026, 05:41 horas
24 Jan 2026

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

“Nin rosas brancas nin caraveis vermellos. Eu venero as floreciñas dos toxos… ¡Oh! ¡Do ermo o prezado tesouro! As floreciñas dos toxos son de ouro!”… Así cantaba o “Poeta da Montaña”, D. Antonio Noriega Varela, ás flores dos toxos, vibrantes e amarelas coma soles espiñentos que iluminan as terras de Galicia. Floreciñas de ouro tamén na Aureana do Sil de Mompou e Cabanillas: “se queres ouro fino, aureana do Sil, abre o meu corazón, has de atopalo alí”… E é que no corazón de todos é onde vive a música de Galicia, no acervo cultural do pobo, na nosa memoria colectiva que, xeración tras xeración, se transmite e se cultiva espontaneamente, como unha pregaria irmandada que adquire unha forza indestrutible ao ser pronunciada.

En Ferrol hai toxos, si, pero tamén hai flores, adornadas coa coroa que a histórica agrupación, o Real Coro Toxos e Froles, recibiu de Afonso XIII, distinguindo así ao máis antigo dos coros de Galicia, nacido no Rexurdimento, tras a lei de “castra e doma” imposta polos Reis de Castela e impulsado tamén polas Irmandades da Fala, fundadas na Coruña por Antón Villar Ponte, co fin de recuperar, reivindicar e poñer en valor a lingua e a cultura —tamén musical e literaria— de Galicia, estendéndose despois o seu labor por Madrid e América (Cuba e Arxentina).

O Coro Toxos e Froles de Ferrol está á cabeza destas lendarias agrupacións, ás que seguen Cántigas da Terra da Coruña, Coral de Ruada de Ourense e Cantigas e Agarimos de Compostela. Todas elas, pezas clave na recuperación, conservación e difusión da nosa cultura galega, sendo o Toxos un dos seus grandes embaixadores ao longo de toda a súa historia.

Hoxe, sábado 24 de xaneiro de 2026, o Real Coro Toxos e Froles celebrou os seus 111 anos de historia. Di a lenda que foi Deus quen puxo as flores nos toxos e o demo, por incordiar, as espiñas. Semella que así se fabrica o amor, como nas rosas. Un amor que comparto desde estas letras de fondo recoñecemento aos toxos e ás chorimas do queridísimo Ferrol.

0.080589056015015