Opinión: Procesións, guitarras e peregrinos

AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
28 Mar 2026

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

“A guitarra antes de ser instrumento foi árbore e nela cantaban os paxaros. A madeira sabía de música moito antes de ser instrumento”.
Atahualpa Yupanqui, “o que vén de terras afastadas”

O 26 de marzo de 2026 no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela —“cidade peregrina”, din algúns e eu tamén—, o luthier Vicente Carrillo, que construíu guitarras para artistas como Paco de Lucía —que a día de hoxe segue representando a renovación, a universalización e a máxima elevación técnica do flamenco xunto a Camarón da Illa, de San Fernando de Cádiz—; Keith Richards, considerado un dos mellores guitarristas da historia e cofundador xunto a Mick Jagger de The Rolling Stones, ou Ronnie Wood, compositor e pintor británico tamén dos Rolling —o icónico grupo de rock and roll máis lonxevo da cultura “pop”, con todo o que isto supón—.

Vicente Carrillo, dicía, falou —en termos xerais— da guitarra española como símbolo cultural, da estreita relación entre o construtor e o músico, dos retos actuais da luthería e dun oficio artesán que combina tradición, talento e renovación. El representa a oitava xeración dunha saga de construtores de guitarras dun obradoiro fundado en 1744 na localidade conquense de Casasimarro, dedicándose durante case tres séculos á construción de instrumentos de corda e acadando un grande prestixio a nivel mundial: a Casa Real española encargoulle unha guitarra para o presidente de Guatemala e tamén para os duques de Luxemburgo; foi presidente do gremio de Artesáns da Guitarra Española, Premio Fuera de Serie de Deseño e Innovación dos xornais El Mundo ou Expansión —deseñou un “pentaláud” para Richards—… ademais de interpretar o Concierto de Aranjuez do mestre Rodrigo —a obra máis escoitada no mundo enteiro tras o Himno á Alegría, segundo as estatísticas— xunto á Orquestra Filharmónica de Berlín.

É dicir, un luxo para a antiga Kalaikói ou Gallaecia que nos trae o Museo Casa da Troia e a Asociación de Antigos Tunos Composteláns, “gardiáns” de vestixios dun “trasfego” instrumental que procede do Exipto faraónico ou Mesopotamia ou… atravesando cordilleiras, mares, océanos… e camiñando quizais desde Yerushalayim ata chegar ás campás de Bastabales ou da Berenguela ou ás de San Román, que unhas veñen e outras van e que seguen soando contra todo prognóstico, como tamén o fan as guitarras, as mandolas, os laúdes, as zanfonas… polo antigo Camiño do Romeiro, como Don Gaiferos de Mormaltán, que ía e ía e… quen sabe se alí chegará! Pero iso si; como o romeiro, só romeiro, pasar por todo unha vez, unha vez só e lixeiro.

0.1171281337738