Oleiros volve apostar pola cultura local cunha nova edición de As Tardes do Alfar

O Concello de Oleiros reforza a súa aposta pola cultura ao aire libre cunha nova edición de As Tardes do Alfar, o microfestival que mestura música en directo e demostracións de olería no parque das Torres de Santa Cruz, un espazo natural e emblemático que acollerá a programación todos os xoves de xullo a partir das 19.00 horas.
Esta iniciativa municipal ofrece unha proposta gratuíta e pensada para todos os públicos, combinando o valor do patrimonio artesán coa música en vivo. Cada xornada comezará cunha mostra de olería en vivo a cargo do recoñecido artesán Alberto Añón, seguida, ás 20.00 horas, dos concertos dunha coidada selección de artistas galegos e estatais.
O cartel musical destaca pola súa variedade estilística, cun percorrido que vai do rock ao folk, pasando polo indie e a música de autor. A programación arranca o 3 de xullo coa actuación de Miguel Costas, figura histórica do rock galego e fundador de Siniestro Total. O día 10 será a quenda de Doctor Snob, unha banda con traxectoria e sonoridade rock. O relevo tomarao o grupo Solrain o 17 de xullo, cunha proposta rock máis actual, mentres que o 24 subirase ao escenario Solos, con influencias máis vencelladas ao pop-rock. O ciclo pecharase o 31 de xullo co directo de Bestas, formación que combina punk e folk cunha identidade enraizada no rural galego.
“As Tardes do Alfar consolidan nesta nova edición a súa identidade como unha experiencia única, ofrecendo un plan cultural de calidade, ao aire libre e de balde para todas as familias”, sinalan desde o Concello de Oleiros, que anima á veciñanza a achegarse cada xoves de xullo a este encontro co talento local, a creatividade e a tradición nun entorno aberto e natural como é o das Torres de Santa Cruz.