Oleiros vibrará ao ritmo de ABBA cun gran musical de Mamma Mía con máis de 200 artistas

O Concello de Oleiros prepárase para vivir unha xornada moi especial este domingo, 1 de xuño, coa celebración dun gran espectáculo musical ao aire libre no Parque da Lagoa de Mera. A partir das 12.30 horas, máis de 200 artistas darán vida a unha adaptación do musical Mamma Mía, baseada nos inesquecibles temas do grupo sueco ABBA.
Este evento marca o inicio das actividades conmemorativas polo 25 aniversario da Escola Municipal de Música de Oleiros, que será a gran protagonista desta proposta artística colectiva. A Orquestra Sinfónica da Escola —formada pola orquestra de cordas e a banda— xuntará a un cento de músicos no escenario, acompañados polos coros da propia escola e o coro “La Tremenda Tremolina”.
Ao espectáculo tamén se sumará un grupo da Escola Municipal de Danza, que porá a nota coreográfica á posta en escena, convertendo o musical nun evento multidisciplinar que reunirá música, canto e danza.
Detrás da produción artística atópanse recoñecidos profesionais como Malu Balado, responsable da dirección artística e adaptación do libreto; Rodrigo Rodríguez, encargado da dirección e adaptación musical; Nilo García, á fronte da Orquestra Sinfónica; Coco Pereira, na dirección do coro “La Tremenda Tremolina”; e Lara Fenoll, que lidera a Escola Municipal de Danza. Completan o equipo os profesores da Escola de Música Marina Gundín, Mónica Pérez, Álex Carral e Jorge Galán.
Con esta proposta cultural, Oleiros pon en valor o seu tecido artístico local e celebra por todo o alto o compromiso coa formación musical e escénica que leva cultivando durante dúas décadas e media. O musical promete ser unha festa para todos os públicos, cargada de ritmo, talento e moita emoción.