Oleiros urxe á Xunta a actuar ante o deterioro da Casa do Mar de Mera

ACoruñaXa
O Goberno local reclama un verdadeiro Centro de Saúde para o norte do municipio
oleiros-concello
8 Jun 2025

O Concello de Oleiros volve poñer o foco sobre o mal estado estrutural da Casa do Mar de Mera, unha situación que, segundo denuncia, leva anos advertindo á Xunta de Galicia sen obter unha resposta efectiva. A administración local asegura que remitiu varios informes técnicos á Xunta alertando da “necesidade de actuar con urxencia ante os graves danos estruturais pola falta de mantemento e desatención do edificio”. A penúltima comunicación tivo lugar en xaneiro de 2024, e a máis recente foi enviada este pasado luns, día 2 de xuño.

Desde o Goberno municipal lamentan que, “malia o grave risco para as persoas e todas as comunicacións realizadas polo Concello, a Xunta non actuou ata que o Goberno municipal o denunciou ante a prensa”. Un feito que consideran especialmente grave tendo en conta que a propia Xunta está a executar no inmoble unha reforma interior para habilitar unha nova sala destinada ao consultorio médico. “Un parche para crear unha nova sala co que para nada se vai resolver ás necesidades existentes”, critican.

O Concello reclama unha solución de maior alcance e insiste na necesidade de converter o consultorio actual nun verdadeiro Centro de Saúde, que dea resposta ás necesidades actuais e futuras das parroquias de Maianca, Serantes e Dexo. Para iso, propón utilizar a planta superior da Casa do Mar, actualmente infrautilizada, como espazo para ampliar os servizos sanitarios.

A administración local subliña que sen esa ampliación non é posible mellorar nin reforzar a atención sanitaria: “Non é posible reforzar os servizos que xa se prestan, nin incrementar as horas de atención pediátrica e incorporar profesionais de saúde mental, radioloxía, nutrición, fisioterapia ou rehabilitación sen ampliación de espazos”.

Con esta nova denuncia pública, o Concello de Oleiros reitera o seu compromiso coa mellora dos servizos sanitarios no municipio e esixe á Xunta de Galicia que actúe con responsabilidade ante unha situación que considera insostible.

⚙ Configurar cookies
0.17345690727234