Oleiros traslada que Naturgy comeza os traballos pendentes na obra de Santa Cristina

O Concello de Oleiros anunciou que, tras a concentración do pasado sábado, a empresa Naturgy comezou a realizar as actuacións que faltaban para rematar a obra de mellora na zona de Santa Cristina.
Iniciáronse os traballos de instalación das arquetas que non colocaran até o momento, un paso fundamental para completar a obra. Ademais, despois dunha reunión no propio lugar, tamén se acordou a retirada dos postes que aínda permanecían na zona e o remate dalgunhas canalizacións que quedaban por executar.
O Goberno municipal mostrou a súa satisfacción tras o inicio destas accións e confía en que, de non haber máis contratempos, as obras estarán completamente finalizadas antes de que remate o verán, como se esixiu desde o inicio. A finalización deste proxecto suporá un importante paso para mellorar as infraestruturas da zona e beneficiar a veciñanza de Santa Cristina.