Oleiros transforma os restos de poda en cobertura vexetal para os seus parques e xardíns

ACoruñaXa
O Concello utiliza un camión con grúa e trituradora para aproveitar a madeira das podas de 2025, reducindo custos de mantemento e apostando pola economía circular nas zonas verdes municipais
OLEIROS restos poda
17 Nov 2025

O Concello de Oleiros puxo en marcha un sistema de reciclaxe integral dos restos de poda e corta de arboredo realizado ao longo de 2025 nas zonas verdes e vías de titularidade municipal. Para iso está a empregar un camión que integra grúa e trituradora, deseñado para manexar grandes volumes de madeira, co que esnaquiza in situ todo o material acumulado.

A madeira resultante deste proceso convértese en acolchado natural que se distribúe despois sobre macizos e escavas, onde se sitúan árbores e arbustos ornamentais. Esta capa vexetal evita a competencia das chamadas 'malas herbas', axuda a conservar a humidade do solo durante o verán, facilita os traballos de mantemento e mellora o aspecto xeral das plantacións municipais.

Segundo informa o Concello, o material procedente das podas xa se está a utilizar en puntos como o parque Rosalía Mera, na avenida de Santa Cristina ou nas zonas verdes de Mesón da Auga e da rúa Yassir Arafat, entre outros espazos públicos.

Ademais do beneficio ambiental, a medida ten un impacto directo nas arcas municipais. Ao triturar directamente a madeira, o goberno local elimina os custos de transporte ata plantas externas e evita ter que adquirir cortiza ou outras cobertoiras trituradas no mercado. Ao mesmo tempo, libérase espazo na nave de Servizos Municipais, onde se habilita agora unha zona específica para acumular este material, no mesmo punto de saída dos equipos de xardinería e transporte.

O executivo oleirense enmarca esta iniciativa nun modelo de economía circular e ecoxestión dos residuos vexetais, que pasan de ser considerados un desfeito a converterse nun recurso básico para o coidado dos espazos verdes públicos. Segundo subliña o Concello, esta forma de traballar permite incrementar a riqueza biolóxica, adaptarse mellor ás condicións de cada ecosistema e reducir ao mínimo o uso de produtos químicos e de maquinaria innecesaria.

Esta nova actuación suma puntos na estratexia municipal de protección ambiental e posta en valor do seu patrimonio verde, na que se inscribe tamén o recoñecemento recente do parque Rosalía Mera como mellor xardín galego 2025 por parte da Asociación Galega de Empresas de Xardinería.

⚙ Configurar cookies
0.071031808853149