Oleiros responde á asociación ecoloxista Arco Iris e nega vertidos fecais na ría

A asociación ecoloxista Arco Iris sostén que, malia a finalización das obras de recuperación da ría do Burgo, seguen existindo puntos de vertedura de augas residuais. Nun comunicado, indica que o episodio máis recente foi detectado nas inmediacións da ponte da Pasaxe e que podería proceder dunha urbanización próxima ao estar situada ao remate dunha liña de sumidoiros. A entidade asegura que o fenómeno faise máis evidente coa baixamar, cando se perciben turbidez, cor escura e malos cheiros, e reclama a retirada inmediata do foco. Arco Iris lembra ademais que no mes de xullo xa se denunciaran episodios semellantes noutros puntos do litoral oleirense.
En réplica, o Concello de Oleiros afirma que non hai treitos de alcantarillado que vertean directamente nin á ría nin ao mar e que as imaxes difundidas corresponden a saídas de augas pluviais. Precisa que baixo a ponte da Pasaxe opera unha estación de bombeo que recolle as residuais de Perillo e doutras zonas e impúlsaas á EDAR de Bens, polo que as conducións vistas no estuario non son fecais. Engade que os escurecementos puntuais tras episodios de choiva responden a arrastres de terra, en parte polas obras en Montrove, e subliña que no punto de O Paraíso (Perillo) non se detectaron vertidos de fecais, segundo informes de técnicos municipais e de Augas de Galicia. O Goberno local pide non confundir pluviais con residuais e insiste en que toda a rede municipal está conectada a colectores e bombeos.