Oleiros respalda á veciñanza contra a central de bombeo prevista no lago das Encrobas

ACoruñaXa
As entidades alertan de impactos ambientais e sobre o uso da auga nun espazo pensado tamén como reserva para o abastecemento, mentres o Concello se suma ao recurso de alzada promovido por Salvemos Barcia-Xalo
CERCEDA hidraulica
15 Jan 2026

A posíbel construción dunha central hidroeléctrica de bombeo reversible no lago das Encrobas (Meirama), no concello de Cerceda, reactivou a mobilización de asociacións veciñais e colectivos ambientalistas da contorna. O proxecto, promovido por Coventina Renovables, formula un sistema de almacenamento enerxético que empregaría o lago como depósito inferior e unha balsa superior de nova construción na zona do Xalo, conectados por un circuíto hidráulico soterrado e unha central en caverna. A iniciativa proxecta unha potencia duns 440 MW, cun investimento declarado de máis de 345 millóns de euros e un prazo de execución que podería chegar aos seis anos.

A problemática, tal e como a expoñen as entidades críticas, céntrase en dous eixos principais. Por unha banda, o impacto das obras e das infraestruturas auxiliares sobre a contorna (movementos de terra, tránsito de maquinaria e alteración do espazo). Por outra, o papel da auga do lago: os colectivos lembran que o encoro de Meirama foi presentado como un recurso estratéxico para reforzar o abastecemento da área coruñesa en episodios de escaseza, con probas e planificación de bombeos cara a Cecebre, e advirten de que un uso industrial baseado no bombeo continuo complicaría ese escenario.

Ademais, as asociacións veñen denunciando posibles conflitos de interese na tramitación da concesión, e reclaman que se extremen as garantías de transparencia e control público.

Neste contexto, o Concello de Oleiros anunciou o seu apoio ás entidades veciñais e medioambientais contrarias ao proxecto, entre elas Salvemos Barcia-Xalo, e tamén ao recurso de alzada presentado fronte á concesión do aproveitamento. O alcalde expresou o seu malestar pola iniciativa e sostén que se está a presentar como unha actuación de renovables o que, ao seu xuízo, derivaría en anos de obras e afeccións para a poboación da zona.

⚙ Configurar cookies
0.077921867370605