Oleiros renova a exposición da Aula do Mar, que atrae 9.400 visitantes no que vai de ano

ACoruñaXa
O centro de interpretación actualiza os paneis informativos e intégrase na Rede de Centros de Interpretación da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas
OLEIROS museo mar
16 Nov 2025

O Concello de Oleiros vén de renovar por completo o contido dos paneis interpretativos da Aula do Mar, situada na antiga vivenda do fareiro de Mera. Ademais de actualizar a información existente, incorporáronse novos elementos expositivos co obxectivo de reforzar a posta en valor do patrimonio natural e cultural do norte do municipio, cunha especial atención ao Monumento Natural da costa de Dexo e Serantes. A partir de agora, todos os materiais están dispoñibles en galego, castelán e inglés, consolidando a vocación turística e didáctica deste espazo.

Esta actualización complementa as actuacións promovidas nos últimos anos polo Concello no entorno da Aula do Mar. Entre elas destacan a creación dun aparcadoiro en Canabal, a sinalización e elaboración de novos planos dos sendeiros do Monumento Natural, a colaboración en proxectos científicos coa Universidade da Coruña e a organización de rutas guiadas gratuítas.

A Aula do Mar, integrada na Rede REMA e recoñecida como Centro Azul pola ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), incorpórase tamén á Rede de Centros de Interpretación da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, recoñecida pola UNESCO desde 2013. A finalidade desta rede é promover a conservación e divulgación do patrimonio natural e cultural da zona.

A renovación do espazo museístico financiouse con fondos da Unión Europea mediante o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (Next GenerationEU), a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino de Mariñas Coruñesas.

Entre xaneiro e outubro deste ano, a Aula do Mar recibiu 9.400 visitantes, consolidándose como un dos principais puntos de interese ambiental do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.070821046829224