Oleiros remata o novo pavimento do Camiño do Raposo, vía de acceso entre Fornos e Aba

ACoruñaXa
A obra, situada na parroquia de Dexo, renova por completo o firme deste camiño rural moi utilizado pola veciñanza e contou cun investimento de máis de 54.000 euros, financiado en boa parte por Agader
OLEIROS asfaltado
24 Nov 2025

O Concello de Oleiros ten xa rematada a pavimentación do Camiño do Raposo, no tramo que comunica a zona de Fornos coa de Aba, na parroquia de Dexo. Trátase dun vial rural moi empregado pola veciñanza para desprazarse ás súas vivendas e leiras, situado nun dos núcleos que integran esta parroquia oleirense.

A intervención consistiu na renovación integral da calzada, con estendido dunha nova capa de mestura bituminosa en quente que permite corrixir fochancas e irregularidades acumuladas polo paso do tempo e polo intenso tráfico agrícola. A mellora do firme incrementa a seguridade da circulación, reduce os tempos de desprazamento e mellora o confort tanto para os vehículos como para peóns e ciclistas que empregan o camiño no seu día a día.

Esta obra contaba cun orzamento base de licitación de 56.941,05 euros, mentres que o importe de adxudicación ascendeu finalmente a 54.036,00 euros. A actuación está apoiada por unha achega de 47.677,00 euros concedida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que financia o cento por cento do orzamento aceptado para o proxecto, dividido en dúas anualidades (2025 e 2026).

O Camiño do Raposo dá servizo a numerosas vivendas e explotacións agrarias da contorna e conecta coa parada de autobús de Aba, situada a uns dez minutos a pé. A mellora do firme suporá, polo tanto, un incremento notable da seguridade viaria e da accesibilidade para a veciñanza que utiliza o transporte público e o vehículo privado.

⚙ Configurar cookies
0.073033094406128