Oleiros reforzará a vixilancia do litoral coa contratación de 47 profesionais para o verán

O Concello de Oleiros contratará 47 persoas para o servizo de salvamento e socorrismo das praias de cara á próxima tempada estival. A convocatoria permitirá cubrir 36 prazas de socorristas, 6 de patróns e patroas de embarcacións, 3 de auxiliares de información e primeiros auxilios en espazos acuáticos naturais, 1 de supervisor ou supervisora e 1 de xefe ou xefa de equipo.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto desde o 25 de marzo ata o 14 de abril. As persoas interesadas poderán consultar as bases e o resto da información na área de recursos humanos da web municipal e tamén no anuncio publicado no Boletín Oficial da Provincia.
A convocatoria chega nun momento no que o municipio comeza a preparar o operativo de seguridade nas súas praias de cara aos meses de maior afluencia. O servizo de socorrismo forma parte dos equipamentos habituais en areais do concello como Santa Cristina ou Mera, segundo recolle a información municipal sobre estes espazos