Oleiros reforza o seu compromiso contra as violencias machistas cun amplo programa polo 25N

ACoruñaXa
O Concello impulsa accións educativas nos centros de ensino, iniciativas comunitarias e campañas de sensibilización, ademais de iluminar de violeta o Castelo de Santa Cruz
OLEIROS 25n
24 Nov 2025

O Concello de Oleiros volve conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cun programa de actividades que combina intervención educativa, acción comunitaria e sensibilización social. Dende o goberno local lembran que o traballo en materia de igualdade e loita contra as violencias machistas se desenvolve ao longo de todo o ano, aínda que estas datas supoñen un momento de especial visibilidade e impacto.

No ámbito educativo, continúa desde o mes de outubro e ata decembro o programa 'Repensando as masculinidades' nos IES do municipio, unha iniciativa que busca cuestionar os mandatos tradicionais asociados á masculinidade, promover valores de coidado, corresponsabilidade e empatía e avanzar cara relacións máis igualitarias entre a mocidade de Oleiros. O Concello destaca que se trata dun proxecto xa integrado de maneira estable no traballo coa comunidade educativa, orientado á prevención temperá das violencias machistas.

En paralelo, entre o 13 e o 26 de novembro, desenvólvense nos CEIP municipais os Obradoiros Punto Violeta, que combinan accións nos recreos con sesións en aula. Nestes encontros abórdanse cuestións como o bo trato, os límites persoais, o consentimento, a identificación de situacións que non fan sentir ben e os recursos dispoñibles para pedir axuda, co obxectivo de fortalecer desde idades temperás a capacidade de detectar e responder ante posibles situacións de violencia.

A programación inclúe tamén unha liña de traballo comunitario dirixida ao tecido social e económico. A partir do 24 de novembro, establecementos comerciais, asociacións e entidades do municipio poden solicitar o distintivo 'En pé contra a violencia de xénero', co que visibilizar o seu rexeitamento fronte ás violencias machistas. O material está dispoñible na Concellería de Servizos Sociais e Igualdade, na rúa Camilo Díaz Baliño, e en Villa Echeverry, na avenida Ernesto Che Guevara. Ademais da versión física para colocar en locais e entidades, o Concello ofrece tamén unha versión dixital para páxinas web e espazos online, co obxectivo de ampliar a mensaxe de apoio á igualdade.

Ao longo desta semana conmemorativa farase pública e procederá á lectura do manifesto polo 25N, elaborado un ano máis dende a esfera institucional e comunitaria. O texto incidirá no papel activo da cidadanía na construción dun Oleiros igualitario e libre de violencias, e será difundido polos diferentes canais municipais xunto cos detalles das accións previstas.

O propio 25 de novembro, o Castelo de Santa Cruz iluminarase en cor violeta, un xesto simbólico co que o Concello quere subliñar a relevancia desta data e reafirmar o seu compromiso coa erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres.

Como peche da programación, o 29 de novembro o Concello de Oleiros participará na XII Andaina 'As Mariñas din NON á violencia de xénero', que neste 2025 se celebra no municipio de Betanzos. A marcha terá saída ás 11.00 horas desde a Praza Irmáns García Naveira e pretende visibilizar o compromiso compartido dos concellos das Mariñas na loita contra as violencias machistas e na defensa dos dereitos das mulleres.

⚙ Configurar cookies
0.042185068130493