Oleiros recupera a normalidade tras o apagamento cun reforzo da seguridade cidadá

O Concello de Oleiros informou esta mañá que todas as instalacións municipais funcionan con normalidade tras o apagón eléctrico rexistrado onte, que afectou boa parte do territorio galego. A pesar da situación, non se produciron incidencias de gravidade no municipio, grazas á rápida resposta dos servizos de emerxencia e á colaboración cidadá.
Ante a caída das comunicacións, o Concello activou un dispositivo especial que reforzou a presenza nas rúas da Policía Local e do Servizo Municipal de Emerxencias, en coordinación coa Garda Civil. Este operativo permitiu garantir a seguridade e a atención inmediata ante posibles emerxencias.
As únicas intervencións salientables foron o rescate de dúas persoas que quedaron atrapadas en ascensores nas zonas de Perillo e Santa Cruz, así como o achique de auga nun garaxe da rúa Revolta, que sufriu unha inundación ao deixaren de funcionar as bombas.
Coa chegada da noite, as rúas da vila permaneceron practicamente desertas, sen que se rexistrasen altercados nin situacións de risco. A subministración eléctrica comezou a restablecerse progresivamente entre a 1.00 e as 3.00 da madrugada, incluíndo o alumeado público.
Na xornada deste 29 de abril, todas as instalacións municipais están abertas e operativas, e as actividades programadas polo Concello manteranse nos seus horarios habituais, agás as actividades de envellecemento activo, que quedan adiadas por precaución.