Oleiros reclama un centro de saúde digno en Mera: o PP cambia de postura tras décadas de peticións

O Goberno municipal de Oleiros, xunto co tecido veciñal do norte do municipio, leva décadas esixindo a ampliación do consultorio de Mera na Casa do Mar para convertelo nun centro de saúde en condicións, acorde coas necesidades actuais e futuras de Maianca, Serantes e Dexo, unha área que supera as 5.000 persoas.
En xaneiro de 2024, o Pleno aprobou reclamar á Xunta de Galicia máis espazo sanitario no edificio —hoxe infrautilizado—, aínda que PP e PSOE non apoiaron daquela a iniciativa. Dezaoito meses despois, o PP anuncia un cambio de postura. “Agora veñen dicindo o que o Concello dixo sempre: que hai que amplialo. Pois tarde piaches, pero que o fagan; é o que desexamos e polo que levamos loitando”, declarou o alcalde Ángel García Seoane.
O Concello subliña que, tras as demandas reiteradas, a Xunta executou unha pequena reforma que mellora a situación pero segue a ser insuficiente para dotar o servizo dos profesionais precisos. Ademais, arranxáronse recentemente danos estruturais graves na Casa do Mar —chegaron a caer cascotes nos accesos— tras as denuncias públicas municipais.
O Executivo local insiste en que ampliar espazos dentro da Casa do Mar é a vía máis rápida e eficiente para incrementar e mellorar a carteira de servizos, e pide á Xunta que materialice o acordo para activar canto antes o Centro de Saúde de Mera.