Oleiros reclama de novo á Xunta pasos de peóns na avenida Salvador Allende para garantir a seguridade viaria en Nós

O Concello de Oleiros vén de solicitar novamente á Xunta de Galicia a creación de pasos de peóns en varios puntos da avenida Salvador Allende, na parroquia de Nós. A petición abrangue o tramo que vai desde A Veiga ata Os Vilares, e responde ás demandas trasladadas pola Asociación de Veciños Os Rueiros e polas comunidades educativas do CEIP Juana de Vega e do IES Miraflores.
O Goberno local lembra que leva anos reclamando esta actuación, que considera básica para a seguridade viaria. Segundo explica, moitos nenos e nenas que utilizan o transporte público para ir ao colexio ou ao instituto teñen que cruzar a calzada sen contar con pasos de peóns habilitados. A situación tamén afecta ao resto da veciñanza que vive a ambos lados da vía e que se despraza a pé ou emprega o bus para moverse dentro da localidade.
O Concello subliña que xa non hai escusas técnicas: a Xunta reduciu recentemente o límite de velocidade na avenida Salvador Allende, pasando de 70 a 50 km/h, o que, ao entender do executivo municipal, elimina calquera impedimento para marcar os pasos de peóns e mellorar a protección das persoas viandantes nunha estrada de titularidade autonómica.