Oleiros reclama á Xunta o uso íntegro da Casa do Mar de Mera para crear un centro de saúde que atenda a 5.000 veciños

ACoruñaXa
O Pleno municipal aproba por maioría instar á Xunta a habilitar todo o edificio para ampliar consultas e servizos, tras o cambio de postura do PP e a oposición do PSOE
Casa do Mar de Mera
27 Sep 2025

O Pleno do Concello de Oleiros aprobou reclamar novamente á Xunta de Galicia a utilización completa da Casa do Mar de Mera co fin de transformar o actual consultorio nun verdadeiro centro de saúde, capaz de responder ás necesidades presentes e futuras das parroquias de Maianca, Serantes e Dexo, que suman máis de 5.000 habitantes. A decisión adopouse despois de que o Partido Popular, que nun primeiro momento só vía viable a ampliación da planta baixa para servizos médicos, acabase aceptando a proposta de Alternativa dos Veciños de estender o uso sanitario ao conxunto do inmoble.

O acordo retoma a liña marcada en xaneiro de 2024, cando o Pleno xa instara á Xunta a aproveitar mellor os espazos infrautilizados da Casa do Mar para mellorar a atención primaria en Mera. Naquel momento, nin PP nin PSOE apoiaran o punto. Ano e medio despois, o PP modifica a súa posición, mentres que o PSOE mantén o voto en contra de converter a Casa do Mar no centro sanitario de referencia para o norte do termo municipal.

Desde o Goberno local sublíñase que agora a responsabilidade recae na Xunta de Galicia, á que se lle pide acometer “o antes posible” a ampliación de espazos e carteiras de servizos. O Concello considera que a posta en marcha dun centro de saúde completo en Mera beneficiaría directamente ás veciñas e veciños desta área e, de maneira indirecta, aliviaría a presión asistencial sobre os demais centros de saúde do municipio.

O Executivo municipal lembra que, da man das asociacións veciñais do norte de Oleiros, leva décadas defendendo a creación dun centro de saúde digno no edificio da Casa do Mar. Sostén que a saturación dos recursos actuais e o crecemento da poboación fan cada vez máis urxente ampliar as instalacións do consultorio de Mera utilizando máis dependencias do inmoble, hoxe infrautilizadas, para dotar de máis consultas, mellores accesos e espazos adecuados para probas e atención continuada.

⚙ Configurar cookies
0.08537220954895