Oleiros recibe cinco Bandeiras Azuis para as súas praias

ACoruñaXa
A praia de Bastiagueiro é a única praia de Galicia que leva recibindo continuamente este distintivo desde o 1987
oleiros-bandeira-azul
5 Jun 2025

O Concello de Oleiros vén de ser recoñecido un ano máis pola excelencia do seu litoral ao acadar cinco Bandeiras Azuis para as praias de Santa Cristina, Bastiagueiro, Naval, Mera e Espiñeiro. Estes distintivos, que avalan a calidade ambiental, os servizos e a seguridade nas zonas de baño, foron entregados nun acto celebrado en Balarés, no municipio de Ponteceso. A primeira tenente de alcalde, María José Varela, foi a encargada de recoller as distincións en representación do Concello.

Un dos feitos máis salientables é o da praia de Bastiagueiro, que se mantén como referente en Galicia ao ser a única praia da comunidade que leva recibindo a Bandeira Azul de maneira ininterrompida desde o ano 1987.

Ademais destas distincións, Oleiros tamén foi recoñecido cos galardóns de Centros Azuis, que este ano recaen no Castelo de Santa Cruz e na Aula do Mar de Mera, espazos de educación ambiental que reforzan o compromiso municipal coa sensibilización e divulgación sobre o medio mariño e costeiro.

Desde o Concello subliñan que estes logros son froito dun traballo constante e rigoroso. As praias do municipio contan con múltiples servizos e cunha ordenación exemplar do litoral, cunha ordenanza pioneira en Galicia que regula o uso dos areais para garantir a convivencia, a seguridade das persoas usuarias e a preservación do contorno natural. A calidade das augas e a protección dos espazos costeiros seguen a ser unha prioridade para o goberno local, que ve nestas distincións un estímulo para continuar avanzando nun modelo de sustentabilidade.

⚙ Configurar cookies
0.087196111679077