Oleiros programa unha fin de semana chea de música para todos os públicos

O Concello de Oleiros ten preparada unha variada programación musical para esta fin de semana, con espectáculos destinados a todos os públicos. As actuacións arrincarán o venres día 12, ás 19.00 horas, na Fábrica, coa Big Band municipal como anfitrioa.
A xornada do sábado comezará ás 12.30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez, onde a Orquestra de Cordas da Escola Municipal de Música presentará a súa versión de Peter Pan. Xa pola noite, no mesmo escenario e a partir das 20.00 horas, celebrarase o tradicional concerto de Nadal da Banda Municipal.
O domingo a música volverá á Fábrica ás 12.30 horas cun recital infantil a cargo de Gramola Gominola, que achegará o espectáculo O Nadal coa avoa Fina. Pola tarde, o Auditorio Gabriel García Márquez acollerá desde as 18.00 horas as actuacións de Semente Nova de Perillo, Os Rueiriños de Nós, Santaia de Santa Cruz, A Marola de Mera, Folliñas de Oleiros e O Amanexo de Dexo.
Segundo o Concello, estes eventos forman parte das iniciativas impulsadas para promover a música e o canto como expresión cultural e artística, ademais de favorecer espazos de convivencia.