Oleiros prepara un plan de 1,1 millóns para renovar cubertas en edificios públicos

ACoruñaXa
As actuacións inclúen o pavillón Arsenio Iglesias e os tellados das Torres de Santa Cruz, ademais doutras instalacións deportivas
OLEIROS pavillon arsenio iglesias
5 Feb 2026

O Concello de Oleiros está a ultimar a redacción de varios proxectos para acometer, nos próximos meses, a renovación de cubertas en distintos edificios municipais. En conxunto, o investimento previsto ascende a 1,1 millóns de euros, con actuacións repartidas en instalacións deportivas e patrimoniais.

Entre as obras máis avanzadas está a do pavillón Arsenio Iglesias, onde se proxecta unha intervención por 296.650 euros que inclúe tamén o cambio do pavimento. Ademais, o Concello prevé renovar os tellados das Torres de Santa Cruz, cun gasto estimado de 200.000 euros.

A planificación incorpora tamén a renovación da cuberta do pavillón do Valle Inclán, que se executará no verán para minimizar o impacto na actividade deportiva e escolar. Xunto a estas obras, están previstas melloras nas cubertas da polideportiva de Iñás e da polideportiva de Meixonfrío, en Santa Cruz.

O goberno local sinala que os fondos necesarios xa estaban consignados nos orzamentos municipais, aínda que as fortes e persistentes precipitacións das últimas semanas provocaron danos en varios inmobles. As intervencións iranse activando a medida que as condicións meteorolóxicas permitan avanzar con seguridade.

⚙ Configurar cookies
0.077729940414429