Oleiros prepara un dispositivo de seguridade e sustentabilidade nas praias durante a noite de San Xoán

ACoruñaXa
O Concello porá leña á disposición da cidadanía, de forma gratuíta, en catro puntos do litoral a partir das 20.00 horas
oleiros-san-xoan
23 Jun 2025

O Concello de Oleiros puxo en marcha un amplo dispositivo de prevención e seguridade para a celebración da noite de San Xoán, co obxectivo de evitar danos ambientais e garantir o benestar da veciñanza durante esta tradicional cita festiva.

A partir das 20.00 horas, o Concello porá leña á disposición da cidadanía, de forma gratuíta, en catro puntos do litoral: nos accesos á praia de Bastiagueiro, na caseta de socorrismo de Santa Cristina, na praza do Castelo en Santa Cruz e na zona do peirao en Mera. Esta medida busca evitar a queima de elementos contaminantes e perigosos, como palés, sofás ou obxectos con cravos, cuxa utilización estará expresamente prohibida. Tamén se impedirá o acceso ás praias con botellas ou recipientes de vidro.

A Policía Local, a Garda Civil e o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil levarán a cabo un despregamento especial de vixilancia para facer cumprir a normativa. Un dos requisitos principais é que as praias deberán estar completamente desaloxadas ás 4:00 horas da madrugada, a fin de facilitar os labores de limpeza. Todos os areais estarán accesibles ao día seguinte, salvo Bastiagueiro, que permanecerá pechado até aproximadamente as 12:00 horas.

Desde o Concello lembran que o cumprimento das normas é esencial para evitar riscos e garantir un ambiente seguro e respectuoso. Entre as condicións principais para as fogueiras destacan:

  • Respectar as dimensións máximas: nas zonas urbanas non poderán superar os 5 metros de perímetro nin un metro de altura, e nas rurais, 3 metros tanto de perímetro como de altura.
  • Non facer lume baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, nin en zonas pavimentadas ou axardinadas.
  • Evitar queimar plásticos, gomas ou outros materiais que xeren fume tóxico.
  • As fogueiras deben quedar completamente apagadas e o espazo limpo antes de marchar.
  • Non se permitirá instalar fogueiras antes das 20.00 horas e deberán finalizar como moi tarde ás 4.00 horas.
  • Estará prohibido o uso de cristais, cadeiras, sofás ou calquera elemento que poida causar danos.

Ademais, como parte do seu compromiso cunhas festas libres de violencias, o Concello instalará Puntos Violeta nas praias de Bastiagueiro e Santa Cristina. Estes espazos estarán operativos entre as 23.00 e as 03.00 horas, e contarán con profesionais especializadas en igualdade, diversidade e violencias machistas.

Os Puntos Violeta ofrecerán atención, acompañamento e información á cidadanía, funcionando tamén como espazos de sensibilización para todas as idades. Esta actuación enmárcase na campaña municipal “Non faltes á festa, pero de festa non faltes. Por unhas festas libres de violencias machistas”, que se desenvolve ao longo do ano nas diferentes parroquias e eventos do concello.

 

⚙ Configurar cookies
0.19838786125183